Normalizándonos na Ponte Carreira ........................................................... endl.ponte.carreira@gmail.com

31 mar 2012

SÍ QUE CHE GUSTA LER, PERO... IGUAL NON O SABES

A Secretaría de Estado de Cultura lanzou en Internet a nova campaña de comunicación e concienciación social a favor da lectura dirixida aos mozos de 14 a 18 anos, no marco do Plan de Fomento da Lectura.
A través da adxudicataria, a empresa Media Planning Group , realizouse unha nova campaña de comunicación e concienciación social a favor da lectura, que se insere en Internet e vai dirixida aos mozos de 14 a 18 anos.
A campaña leva como lema Si que che gusta ler (pero igual non o sabes). A mensaxe é positiva e atractiva para os seus destinatarios, tanto na súa forma, cunha estética xuvenil, como no seu fondo, a idea baséase en que os mozos len máis do que cren, especialmente cando utilizan as novas tecnoloxías. A campaña, baseada en formatos publicitarios en Internet, ten como reforzo un microsite, www.siquetegustaleer.org, que inclúe, ademais de múltiples enlaces a portais, bibliotecas virtuais e blogs do seu interese, un xogo de lectura no que o usuario elixe os pasos dunha aventura e pode gañar un e-Reader.
Se queres xogar e tes entre 14 e 18 anos, pincha na imaxe para aceder á páxina.

LONGA NOITE DE PEDRA

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

Celso Emilio Ferreiro
(Longa noite de pedra, 1962)

30 mar 2012

A Real Academia Galega estrea web, con Dicionario electrónico

 A Real Academia Galega (RAG) estrea hoxe novo web.  
 

Entre as principais novidades do sitio, atópase a agardada publicación do seu Dicionario electrónico, que incorpora máis de 50.000 entradas, a súa realización sonora e unha serie de aplicacións para difundir socialmente as palabras. 
O novo web da RAG incorpora tamén noticias, RSS, a axenda da institución ademáis dos recursos documentais xa dispoñibles previamente e conta cun apartado con información sobre as Letras Galegas.

"Con esta nova web faise uso das novas tecnoloxías para dar un salto adiante e levar ao pé de cada casa todo o patrimonio da institución", comentou o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Ademais, a institución indicou que non descarta que este proxecto, que conta coa colaboración da Fundación Barrié,  poida chegar a implantarse en dispositivos móbiles.
 

28 mar 2012

I FEIRA DO LIBRO GALEGO DE OCASIÓN

Dende o 30 de marzo ata o 8 de abril, Allariz acolle a I Feira do Libro Galego de Ocasión. A iniciativa, coordinada pola libraría Aira das Letras, o concello e a Asociación Galega de Editores permitirá adquirir, a partir de 3 euros, 648 títulos de segunda man editados no noso país. Esta actividade celébrase na Praza de Abastos.


Aira das Letras

21 mar 2012

Día da Poesía

Hoxe é o día da poesía e no noso cole ímolo celebrar colgando as nosas poesías no patio do colexio para que todos as poidan ler. Durante estes dias pasados organizamos unha exposición de libros de poesía na entrada do colexio e decorarmos a nosa árbore con poesías de flores, baixo o lema COLGADOS DA POESÍA. Contamos para elo coa maleta viaxeira da Poesía.



Deixámosvos unha selección de recursos para festexar este dia, feita polos nosos compañeiros do CEIP Mestres Goldar de Vigo, que coma sempre fan unhas seleccións estupendas. Clika na imaxe para acceder á páxina.


CINCO MOTIVOS PARA LER POESÍA

 1.- A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.
2.- A poesía serve para ler, cantar, berrar, recitar, rapear, musicar, declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar, e relaxa as persoas. E serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.
3.- Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos, manosealos, lelos, cerralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. Ademais, a poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e algunhas gripes.
4.- A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade, no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na rutina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no teu barrio, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.
5.- O importante da poesía non é obsesionarse por descifrala senón saber gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un pracer.
 
 
FRAN ALONSO

21 DE MARZO. DÍA MUNDIAL DA POESÍA

A poesía é unha fogueira,
queimémonos nela.

Celso Emilio Ferreiro 


12 mar 2012

CANLETV, novo portal do audiovisual galego na rede

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) inaugurou o pasado mércores CanleTV, un novo servizo de video online destinado á promoción e difusión da creación audiovisual galega cun obxectivo cultural e divulgativo. A través deste portal os internautas poden acceder de forma gratuíta a un amplo catálogo de films que poden visionar en streaming.

CanleTV é xa unha filmoteca de máis de 120 títulos, onde teñen cabida longametraxes, curtas, videoclips e tráileres, entre outros formatos. As obras deste catálogo aparecen clasificadas en torno a seis categorías principais, ficción, animación, documental, experimental, videoclips e adiantos, cada unha delas cos seus correspondentes subapartados e etiquetas, referentes aos xéneros e temáticas nas que se inscriben, de acordo coa información facilitada polos propios autores ou propietarios.

6 mar 2012

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

O vindeiro 8 de marzo é o día da MULLER TRABALLADORA, para commemoralo os nosos compañeiros do EDLG do CEIP Fco. Vales Villamarín de Betanzos fixeron este fermoso vídeo que fai un percorrido por algunhas das mulleres destacadas de Galicia da man dunha nena chamada Antía.